Ensaio (rugby)

Xogador de rugby lanzándose co balón á zona de marca rival para anotar un ensaio.

O ensaio é o principal xeito de anotación de puntos nos diversos códigos de rugby (rugby union, rugby league e rugby a 7). Para que un xogador acade un ensaio ten que pousar o balón co seu corpo sobre a zona de marca do equipo rival. Para que sexa válido, o xogador non pode ter ningunha parte do seu corpo fora do recinto de xogo.

Trala consecución dun ensaio, o equipo anotador ten dereito a unha tentativa de transformación ou conversión, que consiste nunha patada a paus. Esta patada pode realizarse dende calquera distancia na perpendicular do punto no que se acadou o ensaio.

O termo inglés "Try" ten a súa orixe no regulamento primitivo do rugby football do século XIX. Daquela o rugby consistía en acadar goals. O equipo atacante procuraba chegar á zona de marca rival para pousar o balón no chan, o cal non tiña valor por si mesmo, senón que daba dereito a patear o balón entre os paus do rival para anotar un goal, que si subía ó taboleiro, cun valor de 1 punto. Deste xeito, cando se pousaba o balón na zona de marca rival, o que se acadaba era un try at goal, é dicir, un "intento de anotación". Ese "try" pasou ó francés como "essai", que conduce ó galego "ensaio", co sentido de intento.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search